Translate

domingo, 9 de marzo de 2014

AUSENCIA INESPERADA

Era un chuvioso día de inverno en Chicago; O tempo transcurría moi amodo mentres Kate agardaba polo seu home Robert, o cal aínda non chegara á casa despois de traballar. Eran as nove da noite, e ela estaba moi preocupada porque nunca chegara tan tarde do traballo. Chamou ao traballo e dixéranlle que saíra á súa hora, iso deixouna moi preocupada. Despois chamou á policía e dixéronlle que se encargarían de buscalo.
Chegou a mañá e Kate estaba sen durmir, ela estaba agardando a que volvera Robert ou que alguén lle dixera algo. Nese mesmo momento soa o teléfono:
Contesta Kate:
- Hola, quen é?
- Bos días, son axente da policía.
Kate responde:
- Sabe algo do meu home?
O policía responde:
- Si, sabemos que despois do traballo foi a dar un paseo no coche para relaxarse un pouco, pero non sabemos máis.
Kate fala:
- Como souberon iso?
O policía responde:
- Parece que alguén o veu cando estaba parado nun semáforo.
Kate fala:
- Está ben, cando saiban algo máis chamen, por favor.
O policía responde:
- Non se preocupe, señora, en canto saibamos algo máis, chamarémola. Adeus, señora.
Kate despídese:
- Adeus, axente, agardo que o atopen pronto.
Fala o policía:
- Intentaremos atopalo o máis pronto posible.
Uns días despois, volve a chamar o mesmo axente da policía e dille que xa atoparon a Robert. Kate vai á comisaría e encóntrao alí, con barba duns días, aínda que con bo aspecto.
Kate fala con Robert:
- Qué che pasou, Robert?
Robert responde:
- Ía a dar un paseo no coche para relaxarme do traballo, cheguei ás aforas da cidade e alí perdinme e non sabía volver. Así que hospedeime nun hotel barato, inda que non era moi bo que digamos.
Kate dille:
- Ai, Robert, tíñasme moi preocupada!
Robert contesta:
- Sinto que non te chamara, e que quedei sen batería e non levaba o cargador.
Kate contesta:
- O importante e que xa estás aquí e que estás ben, imos logo para a casa.
Robert contesta:
- Imos, Kate.
Kate fala coa policía:
- Moitas gracias por todo, axentes.
Fala un dos policías:
- De nada, señora, para iso estamos.
Kate e Robert volveron á casa cheos de ledicia.

FIN              

miércoles, 19 de febrero de 2014

O MEU NACEMENTO

    

Era sábado de entroido en pleno mes de febreiro, era de noite, a miña nai estaba na aldea facendo nas orellas, postre típico desa festa en Galicia. De súpeto, empezou a ter contraccións, e ela mais o meu pai saíron rápidamente para o hospital no coche. Ían a Santiago de Compostela ao hospital. Según me contaron eles, na vila non había onde dar a luz, así que tiña que ser en Santiago, case dous anos antes nacera o meu irmán nese hospital.
O caso é que cando pasaban por Cacheiras, unha vila preto de Santiago, miña nai púxose de parto e case nazo no coche, entón ela nerviosa berraba:
- Apura, Manuel, que xa vai nacer!
Meu pai corría canto podía e non paraba de pitar aos coches para que se afastaran do medio. Chegaron ao hospital e unha hora despois nacín.
Así foi o meu nacemento, un dezanove de febreiro de mil novecentos setenta e sete ás once e media da noite e en época de entroido.



FIN  



domingo, 12 de enero de 2014

HISTORIA DUN ENCONTRO

                                         

Esta historia empeza nunha estación de autobus nalgunha vila de Galicia, hai unha moza pensativa agardando, vai á Coruña a ver a un amigo que coñeceu en Facebook.
Despois dalgún tempo comunicándose con el, por fin poderá coñecelo, ela está pensando en como será o encontro. Por fin chega o autobus, sube a el e marcha rumbo á Coruña.
Un tempo despois, chega á cidade e baixa do autobus toda contenta, apenas coñece A Coruña, así que quedou co seu amigo na estación de autobus. Avanza un pouco entre a xente e alí está el mais
a súa muller, á cal tamén coñece polo Facebook, saúdanse os tres con apertas.
Despois diso vanse a un bar onde vai cantar o amigo, xa que el é cantante, os tres se meten no coche.
O amigo está actuando, a moza escoita emocionada as cancións, pásao moi ben véndoo e está moi feliz porque por fin conseguiu velo actuar ademais de coñecelo. En canto á muller, non para de chorar da emoción con cada canción que canta el.
Unha vez finalizado o concerto, a moza ten que regresar á casa, cousa que lle da pena porque o pasou xenial, así que o amigo e a muller deciden levala á estación e alí se despiden.
A moza tras meterse no autobus marcha feliz e cun gran sorriso na cara.

FIN    

martes, 7 de enero de 2014

Primeiro aniversario de "Relatos de Ánxela"

                

Esta vez non escribo ningún relato, hoxe adico un post a este blog porque é o día no que cumple un ano. 
O sete de Xaneiro do dous mil trece eu empezaba este blog coa intención de escribir relatos simplemente porque me apetecía escribir, despois dun ano podo dicir que me gusta isto de escribir relatos, gustaríame escribir máis veces das que escribo, pero a inspiración tarda moito en chegar. Que o blog sea en galego fai difícil que entre moita xente, continúa entrando pouca a pesar de que puxen o tradutor de Google. 
Para este ano que está comenzando gustaríame que houbera máis visitas e que a xente participara comentando e compartindo os relatos que escribo, espero que se cumpla. 
Isto é todo, saúdos e feliz ano para todos e todas. 

domingo, 8 de diciembre de 2013

UNHA DEPORTIVISTA EN BALAÍDOS

                           


Esta historia transcurre o trinta de abril do ano dous mil, é a xornada trinta e cinco da liga en Primeira división, o Celta de Vigo xoga contra o Deportivo da Coruña en Balaídos.
Días antes o meu pai e o meu irmán decidiran ir ao partido coa peña do Celta que había daquela na vila e preguntáronme se eu quería ir, despois de dubidalo un pouco dixen que si, como eu son do Deportivo ía estar rodeada de celtistas e por iso tivera dúbidas.
Chegou o día do partido, decidín non levar nada que me identificara como deportivista por se ao chegar alí os celtistas se metían conmigo. Partimos no autobus rumbo a Vigo e a viaxe foi tranquila.
Xa en Balaídos, vimos que había moitísima xente, observabamos que había moita que se dirixía a un sitio e fomos alí por se era o autobus do Deportivo, pero non era o equipo, eran aficionados do conxunto coruñés. Cando os celtistas o viron empezaron a abuchealos e insultalos, cousa que non me gustou nada. Xa sei que os insultos forman parte do espectáculo, pero non me gustan veñan de quen veñan.
Entramos no estadio, as gradas están cheas, e eu estou alí no medio de tanto aficionado do Celta, nesa parte da grada a visibilidade non é nada boa, xa que en canto se levantan os de diante quedo sen ver nada.
O partido estivo cheo de faltas por parte dos dous equipos, eu non o pasei nada ben porque cada vez que un xogador do meu equipo facía unha falta os celtistas insultábano.
Estiven incómoda todo o partido porque cando marcou o Deportivo non me atrevín a celebralo moito, ao final ganou o Celta. A verdade é que a veces dábame ganas de sentarme na grada onde estaban os deportivistas, ahí si que ía estar a gusto!
Ao saír do estadio fomos a un bar e vimos o resumo do partido e despois volvimos á casa.
Esta foi a única vez que fun a Balaídos a ver un Celta-Deportivo, e non quixen volver máis.

FIN